Continúa
o ciclo de monólogos organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa
colaboración da Deputación da Coruña no Museo do Humor de Fene. A terceira
sesión do “Novembro, mes do humor” traerá a Fene este venres, 17 de novembro,
aos humoristas Fran Rei, Isabel Risco e Pedro Brandariz cun espectáculo
titulado “Falar sen cancelas”.
A
función comezará ás oito do serán e a entrada será de balde. As persoas que
queiran asistir ao espectáculo deberán recoller as súas invitacións (máximo dúas por persoa) o mesmo venres a
partir das 18.30 horas na conserxería da Casa da Cultura de Fene (Avda. de
Conces, 20-22, Fene). Ciclo recomendado para público adulto.
“Hai
xente que fala por falar. Outros falan polos cóbados. Algúns falan os sete
falares. E non son poucos os que falan do xato e se esquecen do trato. Porque
prefiren falar dos biosbardos, das nubes ou do sexo dos anxos antes que ir ao
conto. En definitiva,que o falar non ten cancelas, sobre todo nun lugar en que cada
palabra conta, ás veces por dous, no que o duplo significado abrolla en cada
xiro da lingua e a retranca fai rimar humor con historia cada vez que alguén
abre a boca”.
Partindo destas premisas, os actores e humoristas
Pedro Brandariz, Isabel Risco e Fran Rey presenta este venres en Fene un espectáculo
de “humor galego apocalíptico”, unha “comedia pesimista” producida por
Culturactiva SCG e dirixida por Diego Rey. Trátase dunha “comedia trepidante na
que a palabra e o humor son os grandes protagonistas”.
Falar sen Cancelas parte da descuberta dun andazo que
está acabando coa galeguidade. Tamén os nosos tres humoristas foron atacados
por este estrano virus, que fai que non poidan falar galego en público...
Incapaces de quedar cruzados de brazos perante semellante problema, os
acontecementos van desembocando nun aloucado espectáculo cheo de retranca,
improvisación
e
reflexións cómicas sobre a galeguidade.